miércoles, 7 de abril de 2010

As cabaceiras da Ulloa: distribución na comarca











Polos datos que teño, A Ulloa é a comarca de Galicia onde mais cabaceiros (cabazos, cabeceiras) se conservan, eu atopei 27 e de seguro hai mais..
Non todas as cabaceiras que vin son empregadas para gardar o millo, unha terceira parte delas so teñen unha función ornamental, o que deixa patente que no rural da Ulloa as cabaceiras son vistas como parte da nosa historia, como algo noso que non se quere esquecer.
A día de hoxe (e deixo claro iso porque, dada a propia fraxilidade das cabaceiras, as de hoxe poden non estar dentro dun ano) os cabazos están presentes nos tres concellos, pero vense en maior número no de Palas de Rei.
Dentro do concello de Antas de Ulla hai exemplares en Ludeiro, Santa Mariña, Dorra, Antas de Ulla e Os Carreiros. Deste último lugar son que que aparecen na primeira fotografía.
No concello de Monterroso pódense ver nos lugares de Seixós, Fente, A Lucencia e Pedraza (onde se pode ver o exemplar da segunda foto).
Xa en Palas de Rei podemos atopalos en Augasantas, Hospital das Seixas, Maceda, A Veiga, San Mamede do Carballal, Lestedo, O Rosario, Albá, Pidre e Vilareda (foto 3, por certo que esta cabaceira vai desaparecer, segundo me dixo o seu dono, porque ten encargado un hórreo de pedra que irá no lugar onde agora esta o cabazo).

Con este datos, podemos chegar a varias conclusións:
  • As cabaceiras desapareceron do sur e nordés da Ulloa, pero teñen unha gran presencia no noroeste e no centro da comarca.
  • O gran número de cabaceiras que existe, en contraposición cos datos do resto de Galicia, fai que poidamos consideralas como un elemento etnográfico xenuinamente ulloán.
  • O feito de que o cabazo sexa considerado como obxecto ornamental pode axudar a que as cabaceiras non desaparezan.

Cabazos de Os Carreiros, Pedraza e Vilareda.
Os Carreiros (Antas de Ulla)
Pedraza (Monterroso)
Vilareda (Palas de Rei)

No hay comentarios: