viernes, 15 de octubre de 2010

Camiño Primitivo na Ulloa (7)


































































































































O marco do km. 75,311 é un deses puntos dignos dunha foto do mellor feísmo da Ulloa (foto que podedes ver atravesando o espello cara A outra Ulloa), mais 75 metros mais aló hai un fermoso conxunto de arquitectura popular que ademais garda pequenas curiosidades.
Primeiro atopamos o pozo (fotos 1 e 2), do que aínda se saca auga como se facía antes: cun balde de latón atado a unha corda que se sobe e baixa grazas a roldana (¡cantas lembranzas da miña infancia! Pasaron trinta anos dende os meus últimos xogos nun pozo igual que este ¡e parece foi fai un século!).
Dende o Camiño só se ve parte da casa (foto 3) pois ó interior accédese pola portada que hai máis adiante. Na parte exterior hai dúas portas, unha cuns pasos de pedra diante e outra que da as cortes. No lintel da primeira porta (foto 4) consérvase unha inscrición que non fun quen de ler completamente pero si en parte: AMO IHS DEI D RESEDIENDO FRAN(CIS)CO LOPEZ.
A parte esquerda da porta das cortes (foto 5) ten tres gravados, o primeiro deles é unha representación dun motivo vexetal coroado por unha cruz grega, cando ó vin pensei na representación da árbore da vida que hai na porta lateral da igrexa de Merlán, situada só a uns 5 km de alí. O segundo gravado é máis complexo, a parte interior ten certa similitude cun dos signos lapidarios que Vázquez Seijas catalogou en Pambre e que neste momento está “desaparecido”, mentres ca exterior semella máis un escudo que un adorno. O terceiro gravado é unha cruz simple que tamén se repite na parte dereita da porta.
É difícil saber cal era a intencionalidade destes gravados pero supoño que terían unha finalidade protectora de todo aquel mal que por alí puidese entrar.


Detalles do Camiño entre o km. 75,615 e o km. 75,386.
Parroquia de Ferreira
Palas de Rei.

1 comentario:

paideleo dijo...

Encantoume este tramo con ese pozo e esa casa.